As desigualdades sociais en saúde impactan de xeito directo nos comportamentos e resultados en saúde da poboación. Fronte a estas inxustas diferenzas, a equidade en saúde procura que todas as persoas poidan acceder aos máis altos estándares de saúde. Deste xeito, a loita contra estas desigualdades constitúe unha cuestión de xustiza social. A influencia das desigualdades sociais nas persoas con trastorno do espectro autista explorouse, e observouse a existencia de nesgos no diagnóstico e diferenzas no acceso ao tratamento segundo o seu xénero, a súa clase social, a súa etnicidade ou racialización, ao proceso migratorio, a súa idade ou o territorio no que viven.